Os clientes das tendas do Ensanche compostelán terán regalo seguro durante as datas de celebración da campaña O teu comercio está contigo, que pon en marcha pola Fundación Santiago Centro, Área Comercial, entre os días 7 e 31 de maio. Ducias de establecementos do máis importante barrio comercial de Compostela participan nesta iniciativa.

Nas datas de duración desta campaña de fidelización, apoiada pola Consellería de Economía, Emprego e Industria e o Concello de Santiago, os clientes recibirán unha cartilla que deberán ir selando ata completar a cantidade de 6 selos nos negocios adheridos á campaña. Cada un deles entregarase por 20 euros de compra (10 se se trata de establecementos de hostalería). Os seis selos deberán ser de tendas diferentes, e xuntalos dá dereito a obter un regalo sorpresa que se poderá recoller no Centro Sociocultural do Ensanche entre os días 1 e 2 de xuño, unha vez rematada a campaña.