Xa está aberto o prazo para inscribirse no Mercado Compostela Art&Eco 2016, promovido pola Fundación Santiago Centro, Área Comercial. A cita consta de dúas feiras simultáneas pero en distinta localización: na Praza Roxa haberá un espazo dedicado aos produtos ecolóxicos, mentres que a Carreira do Conde acollerá a arte e a artesanía. Levaranse a cabo entre os días 5 e 8 de maio, durante as Festas da Ascensión compostelás.

O mercado dedicado ao alimento ecolóxico, a Feira Ecolóxica Labrega Compostela ECO 2016, reunirá a produtores, establecementos especializados da comarca e máis empresas de envasado de toda Galicia nunha carpa na Praza Roxa, no corazón comercial do Ensanche. O evento organízase coa colaboración da Asociación de Productores Ecolóxicos de Galicia (APEGA) e A Cesta da Saúde, e o apoio do Concello de Santiago. A exposición e venda levará aparelladas accións como un ciclo de conferencias e actividades de lecer e formación para toda a familia.

Os interesados en participar en Compostela ECO deberán formalizar a súa solicitude na web www.arteeco.es antes do 20 de abril, e poderán participar tanto na totalidade da feira como en quendas de dous días.

No tocante á feira de arte e artesanía Compostela ART&ART, levarase a cabo na rúa peonil da Carreira do Conde, xunto á Alameda, na que se sitúan as principais atraccións das Festas da Ascensión. Nela reuniranse artesáns, artistas, creadores e tendas especializadas nun evento que se complementará con actividades infantís e musicais para todos os públicos.

Para participar é necesario cubrir a solicitude na web www.arteeco.es antes do 20 de abril. A selección dos participantes realizará en relación a criterios de calidade, orixinalidade e proximidade.

Para máis información, os textos íntegros das bases de participación e os formularios de solicitude atópanse dispoñibles nas seguintes ligazóns:

COMPOSTELA ECO 2016


COMPOSTELA ART&ART 2016