Os comercios do Ensanche compostelán saen á rúa o próximo  sábado 7 con motivo da Festa do Comercio de Primavera, na que ofrecerán de 11 a 21 horas descontos, promocións e actividades especiais como sesións vermú, exposicións e merendas. Ao tempo, continúan en funcionamento os Mercados Compostela Art&Eco de artesanía (na Carreira do Conde) e alimentos ecolóxicos certificados (na Praza Roxa). As actividades son unha iniciativa da Fundación Santiago Centro para dinamizar a zona coincidindo coas Festas da Ascensión.

No que toca aos Mercados Compostela Art&Eco, 25 produtores de proximidade, tendas e envasadoras galegas danse cita na Praza Roxa nunha mostra de alimentación ecolóxica composta exclusivamente por produtos certificados. Durante os catro días ofrécese produto fresco de horta, queixos, viños, licores e cervexas, café, doces, conservas vexetais… Hoxe venres levouse a cabo na carpa desta Feira Ecolóxica Labrega unha degustación de pratos elaborados con alimentos ecolóxicos certificados, ofrecida polo Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia. Á cita asistiron o seu director, Javier García; e Xosé Manuel Durán Orús, da Asociación de Produtores Ecolóxicos de Galicia, APEGA.

Unha exposición de artesanía galega de autor lévase a cabo na Carreira do Conde. Os 30 expositores, seleccionados pola calidade das súas creacións e pola diversidade dos seus produtos, ofrecen complementos, bixutería e xoiaría, artesanía en coiro, escultura e cerámica… Obradoiros, música e unha ludoteca xigante completan a programación.