O Mercado Compostela Art&Eco comeza a desvelar as actividades que discorrerán paralelas ás dúas feiras simultáneas, unha de artesanía e outra de alimento ecolóxico, que se celebrarán en Santiago entre os días 5 e 8 de maio, coincidindo coas Festas da Ascensión. Unhas xornadas de divulgación sobre alimentación e saúde, a celebrar no Centro Sociocultural e Xuvenil Municipal O Ensanche, abren a programación.

As xornadas comezan mesmo antes que o Mercado. O mércores 4 de maio, ás 19.00, o doutor Carlos Torres falará de “Alimentación tóxica e alimentación saudable”‎; Torres é cirurxián e especialista en medicina xeral do Servizo Galego de Saúde. A continuación haerá unha charla sobre “Alimentación de primavera e depuración hepática”, a cargo da doutora María Villar, especializada en Medicina Natural pola Universidade de Santiago de Compostela.

Xa o sábado, no mesmo escenario do Centro O Ensanche, celebrarase unha conferencia sobre a “Importancia dunha correcta flora intestinal”, a cargo de Pilar Calo, especialista en Farmacia e profesora da USC na facultade de Veterinaria do campus de Lugo. Despois falarase de “Nutrición e fertilidade” nun relatorio a cargo de Ana Romai, doutora e investigadora no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS).

Na tarde do sábado levarase a cabo unha mesa redonda sobre “Produción, certificación e comercialización: un novo paradigma”, que reunirá a importantes axentes dentro do sector da alimentación ecolóxica en Galicia. Acudirán representantes do Consello Regulador do Alimento Ecolóxico de Galicia (CRAEGA); da Asociación de Produtores Ecolóxicos Galegos (APEGA); de SPG A Gavela; e de Panxea.